11.9.07

Canteira

Aqueles que admiramos as crónicas de Santiago Segurola e a súa sabedoría futbolística non podemos deixar de ler os seus comentarios semanais. Unha vez máis, o xornalista sorpréndenos con algunha das súas respostas. Houbo unha que debería facer reflexionar a máis dun. Preguntado sobre cal cría que era o mellor xogador español de todos os tempos, o ex de El País nomea varios en primeiro termo: Luis Suárez, Amancio, Pirri, Iribar, Hierro e Raúl. Ademais, inclúe algúns máis polos que recoñece "debilidade": Guardiola, Míchel, Gordillo, Fran, Guti, Goikoetxea. Reparan nalgo especial? Si, os dous primeiros que cita son coruñeses. Un criado na rúa da Torre, o único español Balón de Ouro e esquecido en España pero elevado a condición de mito en Italia ("Luisito, grande!", dixo un seareiro do Atalanta durante o último Teresa Herrera cando se lle lembrou que era natural da Coruña). O outro, dos Mallos. Entre as debilidades de Segurola aparece Fran, outro grande que con máis carácter sería sen dúbida o mellor interior esquerdo de Europa na súa época.
Si, "para gustos, colores", pero de once futbolistas citados, dous son coruñeses, un de Ribeira, todos galegos e os tres criados no Deportivo. O club herculino volve coidar a canteira logo de anos de esquecemento. O seu último produto, Rochela, un central que vai camiño de instalarse na defensa herculina... Se é que non o levan antes. Polo momento, ningún canteirán permanece no plantel do Dépor e para presumir de galegos hai que facer malabarismos coa orixe de Barragán ou Pablo Álvarez. Unha mágoa.

13.8.07

Culpables

Non por coñecido un deixa de sorprenderse de certos personaxes e de certas declaracións. Manuel Fraga segue en política. Un pouco agochado e caladiño, pero segue. Iso si, cando fala non decepciona. Coma sempre. Na entrevista publicada o domingo pasado en El País sorprende xa o titular: "Si ETA vuelve a matar, también serán culpables los que negocian con ella". Ou sexa, que se ETA asasina, a culpa será de Zapatero. Pero peor é unha frase case invisible no texto. Preguntado sobre a Lei de Memoria Histórica, o ex presidente da Xunta responde: "Todo el mundo tiene derecho a enterrar a sus muertos, pero los muertos amontonados son de una guerra civil en la que toda la responsabilidad, toda, fue de los políticos de la II República. ¡Toda! Esto no se arregla con esta Ley".
Daquela, a culpa dun atentado será de ETA, do PSOE e do Goberno de Zapatero. Pero a culpa da Guerra Civil foi "¡toda!" dos políticos republicanos. Por suposto, nada tiveron que ver nin os militares sublevados, nin Franco, nin un golpe de Estado.

30.7.07

Saber venderse

Os galegos non choran, emigran. O mesmo ocorre no fútbol. Hai anos, cando Deportivo e Celta loitaban cos mellores equipos de Europa, era case impensable que rapaces do Fabril ou do filial celtiña puideran competir con homes como Naybet, Cáceres, Mostovoi, Djalminha, Fran, Karpin ou Luque. Iso si, anos despois, o Celta baixou e tirou de Oubiña. Na reconversión do Dépor, Iago, pegando un chimpo de Terceira a Primeira, rendeu como substituto dun tal Valerón. Pero iso non chega. Hai que saber venderse. Antes aludíase ao escaso currículo ou á inexperiencia dos novos para xustificar a ausencia de canteiráns. Iago: 15 partidos en Primeira, catro goles (dous o ano pasado en tan só 345 minutos, o mellor promedio do equipo), internacional sub 21... Non chega. “Grazas, pero adeus”, diranlle. Xurdiu nunha situación difícil, chovéronlle eloxios -“lo más parecido a Fran desde que Fran se fue”, dixo algún medio-, pero non valeu. Nunca levantou a voz nin se queixou malia perder excelentes oportunidades por culpa dun adestrador que o mareou mentres enchía a boca falando de canteira. “Agora si, agora non, agora queda, mellor vaite...” E iso a pesar de ser, posiblemente, o xogador que máis barato lle saíu ao Deportivo. Como Jonathan Aspas no Celta, que recoñeceu un soldo irrisorio e digno de 2ªB comparado con algunha desas estrelas mundiais que descendeu a Segunda. Son rendibles, pero non se queixan, non presumen, non presionan e ninguén lles fai despedidas como heroes. Marchan, como fixo Viqueira. Quen llelo dera agora a algún dos nosos.

Sorte amigo!!!

9.7.07

"Todo por la... humanidad"



Nunca me gustaron os exércitos. Nin as guerras, claro. Nin os seus lemas. Moito menos aínda. Iso si, recoñezo o labor humanitario que fan en moitas partes do mundo. Pero hai cousas que un non entende.
Foron varios os soldados que esta fin de semana marcharon para o Líbano desde Santiago. Supoño que con medo, ou respecto polo menos, logo do acontecido con compañeiros seus hai ben pouco. Había emoción nos seus familiares, pero houbo unha declaración que me deixou pasmado. Unha desas típicas de orgullo nacional. Sen medo aparente, con... cojones.
“Estoy contento porque va a luchar por la patria”, dixo un dos familiares. Moi típico. ¿Por que patria vai loitar? Supoño que pola do Líbano, porque é a que teñen que intentar pacificar e axudar no seu desenvolvemento. ¿Ou é que viaxa para salvar a España de non sei quen?
Declaracións como esta, tan habituais, son as que seguen amosando a parte máis rancia dos exércitos, se é que hai algunha parte que non o sexa... Mellor pensado, si que a hai. A de centos de inmigrantes que ingresan nas forzas armadas para gañar uns cartos que lle son difíciles de conseguir doutro xeito. ¿A que patria van salvar eles? As patrias non merecen nunca darlles todo, pero quen si o merece é a humanidade e a xente, o que, por outra parte, sería beneficio para todas os países, nacións ou pobos que eles queiran. Empecen cambiando os seus lemas nos cuarteis. ¿“Todo por la patria”?. Non, “¡Todo por la humanidad!”.

21.6.07

Unha Liga de cu

Non podía ser doutro xeito. O gol de Diarra que lle deu a Liga ao Real Madrid é unha metáfora perfecta do que foi o campionato. Marcou o de Malí, criticado a partes iguais con Emerson como símbolo do fútbol tacaño de Capello. Rematou de cabeza, ¡como ía ser! E a pelota acabou entrando na portería tras dar no cu dun tal Bassinas (aforro comentarios e xogos de palabras). Porque este Madrid tiña que gañar o título de cu, na honra de Capello, que non sei se ten unha flor no ídem ou un ramo enteiro.
O Barça despistouse, o Sevilla ambicionou demasiado e o gran criticado acabou apagando as queixas que tanto se escoitaron desde o seu propio bando. Que máis dá agora se Guti e Gago empezaron no banco ante o Mallorca? Que máis dá o fútbol patético? Gañou, malia empatar a puntos, e listo. O fútbol é así, que diría o outro.
Pero algo pasa neste mundo cando os Quiques, Caparrós e Capellos acaban sendo os grandes triunfadores. Paixón polas cores. Mérito de sudoración. Espectáculo: cero.
E menos mal que queda a paixón. A afección, os seareiros. Ese é o maior espectáculo dalgúns equipos. Coma no Athletic. Un exemplo. Enchen o campo unha e outra vez malia o que teñen que aturar. Animan como poucos e agardan o asubío final do último partido para protestar. Inimitables. Outros baleiran o estadio toda a tempada e só o enchen ao final entre agasallos e prezos ridículos na busca dun milagre. Igual esa é a clave para recuperar o fútbol. Prezos populares, agasallos e festa porque, ao final, o espectáculo e a única verdade do fútbol están na xente... agás nalgúns casos. O Deportivo gañou a súa primeira Liga en 94 anos e a cidade saíu en masa á rúa. Disque había trescentas mil persoas pola Coruña, e non se lembra nin un só incidente grave. O Madrid gaña o seu trixésimo título ligueiro e hai máis de cen feridos e unha chea de detidos. Non quero pensar como lle chamarían a iso se sucedese no País Vasco. “Es que el fútbol es así”, dirán agora.

12.6.07

Sen Casa, sen Lubre


É impagable ter unha barra onde apoiarte. Si, como un ombro no que buscas consolo. É único ter de man un bar no que sabes que sempre atoparás conversa, discusión, amigos... Hai quen sae da casa por non estar nela, pero hai tamén quen busca fóra un fogar no que poder meter tantos amigos. A Cova ou a Casa da Lubre son, desde hai tempo, dous deses lugares. Únicos e complementarios.
Desde o vindeiro 28, xa só nos quedará unha desas casas okupas, unha desas barras cómplices. Porque ás veces un pensa que o mármore pode amoldarse ao teu brazo nalgúns locais. Como na Lubre. Perderemos ese recuncho reservado pero, ao mesmo tempo, perderemos tamén moitas reflexións, moitas parvadas, moitas risas, ilusións, cabreos... O falar non ten cancelas. Preto de Xulio e Tere, Rodrigo, Pesqui, Álex, Pedriño... Non había muro que parase tanto parolar entre nós.
Non buscabamos boureo nin festa no noso recuncho. Buscabamos afinidade, confianza: unha casa. Porque esa é tamén unha das nosas Casas, e tamén a nosa Lubre, un deses montes máxicos onde as palabras se fixeron eternas. Ai... se as paredes falasen. Falarían abondo... e calarían outro tanto. Buscaremos outro recuncho, pero ningún coma ese. Seguro. Foi unha mágoa non descubrilo moito antes. Grazas!

6.6.07

Metralla



Meu avó morreu con anacos de metralla dentro do seu corpo. Marchou xa hai tempo cun cento de contos por parolar daquela guerra infame que o marcou a el e a tantos outros. A súa historia é unha desas que nunca saíron á luz, pero que eu tiven o privilexio de escoitar cando a miña con(s)ciencia política era nula aínda.
A súa non é a historia dun miliciano heroico, romántico ou utópico en loita contra o fascismo. A súa é a historia dun home obrigado a loitar dun bando (o franquista) do que pouco sabía, e logo de que o subiran nun camión de falanxistas armados con tan só 17 anos. A súa historia é a dun ser humano, humano con letras maiúsculas, que non quería nin tiña valor para matar.
"Facía como que apuntaba, pero nunca disparaba ás persoas", contábame. E nunha desas batallas nas que se vía obrigado a participar, meu avó seguía disimulando, disparando ao aire e evitando alcanzar un home que, como dicía, "podía ser calquera amigo". Dunha vez tivo diante a un deses inimigos impostos. Meu avó non disparou e viu como unha granada estoupaba aos seus pés. Feriuno gravemente, pero foi un alivio. Nunca máis tivo que coller un fusil naquela guerra. Pasou meses na enfermaría escribindo o seu diario e agochando cartas que chegaban do outro bando… Pero esa é outra historia que xa contarei. Unha máis das que me falou e das moitas que levou consigo… E canda a metralla.