6.6.07

Metralla



Meu avó morreu con anacos de metralla dentro do seu corpo. Marchou xa hai tempo cun cento de contos por parolar daquela guerra infame que o marcou a el e a tantos outros. A súa historia é unha desas que nunca saíron á luz, pero que eu tiven o privilexio de escoitar cando a miña con(s)ciencia política era nula aínda.
A súa non é a historia dun miliciano heroico, romántico ou utópico en loita contra o fascismo. A súa é a historia dun home obrigado a loitar dun bando (o franquista) do que pouco sabía, e logo de que o subiran nun camión de falanxistas armados con tan só 17 anos. A súa historia é a dun ser humano, humano con letras maiúsculas, que non quería nin tiña valor para matar.
"Facía como que apuntaba, pero nunca disparaba ás persoas", contábame. E nunha desas batallas nas que se vía obrigado a participar, meu avó seguía disimulando, disparando ao aire e evitando alcanzar un home que, como dicía, "podía ser calquera amigo". Dunha vez tivo diante a un deses inimigos impostos. Meu avó non disparou e viu como unha granada estoupaba aos seus pés. Feriuno gravemente, pero foi un alivio. Nunca máis tivo que coller un fusil naquela guerra. Pasou meses na enfermaría escribindo o seu diario e agochando cartas que chegaban do outro bando… Pero esa é outra historia que xa contarei. Unha máis das que me falou e das moitas que levou consigo… E canda a metralla.

4 comentarios:

Rodri dijo...

Por certo, gran anecdotario o do teu avó que xa coñecía, dende logo ¡¡¡ti tira tira de anecdotario,que xa me contaras algunhas¡¡¡pero a verdade son historias moi bonita que me evocan a aquelas épocas de ser máis cativo e ter mais tempo libre, momentos de estar sentado a sombra da figueira en Cores "na aldea" tamén co meu avó un pouco mais novo co teu ,pero tamén contándome aquelas historias da postguerra ¡¡¡¡en realidade non e a visión de un profesor de historia a do meu avó nin moito,pero dende logo merecen a pena porque teñen unha tenrura e unha cercan ía que che fan estarrecer,verdade e tamén por darte conta dos limites do home tanto para chegar o peor como opara chegar o mellor como por exemplo facer que apuntaba.un acerto estas historias

raqueliña dijo...

pois esta historia que contas é a historia de moitos, mentras a estaba a ler sónábame moi cercana, porque o meu avó tamén foi a unha guerra que nin quería, nin sabia para que era... e o que facía era escribirlle as cartas as familias e as mozas e mulleres dos que non sabían escribir, e sei que o facía con moito xeito, que todas elas quedaban enamoradiñas do seu home o lelas... digo eu que de todo isto podemos facer un pequeno documental, falamolo¡¡ que che parece?

Boreando dijo...

Paréceme. Falámolo porque eu teño algunha historia máis e moi interesantes. O problema é que as testemuñas estean xa falecidas, pero pódese facer algo. Falamos, ok?

Anónimo dijo...

Ola! si é a historia de muitos, mas lamentavelmente está a historia de esses falanxistas armados do camiom. As vezes aledo-me que o meu avô morrera antes de que eu tivera consciência política e que nom se falara de "Isso" na minha casa, assi gardo uma melhor lembrança del.