16.3.08

Os novos deportivistas

*Que A Coruña é madridista é unha afirmación desacreditada hai ben tempo. A irrupción do Superdépor nos 90 permitiu que os rapaces que soñaban con ser grandes medraran vendo a súa cidade na elite. Cultivaron así a rivalidade co poderososo que algún día ateigaba Riazor, e fomentaron unha afección que xa non esmorecería nin nas peores épocas... E iso, a fidelización cun equipo, vale máis que moitos títulos. Os novos deportivistas non soñan con ser como o Madrid. Soñan con gañarlle.
*Tamén en L-V

11.3.08

Quen gañou?

E disque gañou a esquerda. Pois se cadra non tanto. O PSOE comeulle votos a Izquierda Unida e a Esquerra, o bipartidismo é cada vez máis forte, os nacionalismos perden forza e, xa que logo, o pluralismo é cada vez menor. O PP está contento porque, malia perder, a desfeita de IU, dos temibles republicanos cataláns ou de Eusko Alkartasuna é unha vitoria para eles. A baixada de votos do PNV, tamén. Do mal, o menor: a burguesía e dereita catalá, tan afeita a pactar con quen máis lles dea, será a clave. A outra dereita (extrema) non gañou, certo, e iso foi o que querían moitos, pero isto cada vez é máis parecido ao fútbol. Do Barça ou do Madrid. O demais, pouco importa. Que hai que esperar dun sistema onde un millón de votos valen o mesmo que menos de 200.000? Cun reparto proporcional, IU tería agora 14 escanos e non 2, o BNG, un máis (3), mentres que PP, PSOE e PNV perderían deputados e CiU quedaría igual. O conto de que o sistema favorece ás minorías non é tal. ¿Atreveríase Zapatero a pactar con CiU tendo a posibilidade clara de facelo con Izquierda Unida? Velaí a cuestión.