18.12.07

Aldea

Atopeina! Hai uns días escoitei unha canción dun rapeiro suízo fillo de emigrantes. Nela, falaba das súas experiencias na súa vila de orixe cando ía de vacacións ou de fin de semana, como tantos de nós. Todo aquel que ten aldea (que mal sona isto, porque non temos aldea, somos de aldea) tense que ver representado en moitas das súas estrofas. "O balón na eira", "os primeiros cigarros" e a mellor delas: "Quen sabe beber, tamén sabe rezar". Ai...! Esas "resacas do carallo" cando íamos a misa obrigados case sen durmir. Este Gran Purismo resume perfectamente a morriña do rural e as experiencias en San Claudio, Dombodán, Cores, Corme ou Pardeconde... Non si? Porque xa o digo eu: quen non tivo aldea, non tivo infancia. Escoitádeo aquí.

15.12.07

Cariño

Unha emisora de radio declarara hai anos a Cariño como a vila co nome máis bonito de España (obvio). O que moi poucos saben, agás os que me escoitan falar a cotío deste lugar, é que este pequeno concello pesqueiro fai boa honra ao seu nome. Pola natureza salvaxe, porque o ladrillo aínda non o invadiu, pola súa tranquilidade... Quizais demasiada calma nun sitio onde os mozos emigran cada vez máis e onde o turismo de verán substitúe a industria conserveira que vai morrendo día a día. Aquí podedes ver un vídeo sobre os problemas dunha terra esquecida entre dous mares, con menos sona que outras, pero moito máis apetecible... Aínda que eu non sexa nada obxectivo.