28.12.08

Feliz Ano... NOVO!


“Os galegos non choran, emigran”. Así dicía Castelao e así fixo Nacho Novo, o mellor exemplo do futbolista emigrante, daquel que buscou e atopou o éxito fóra, farto de agardar unha oportunidade na súa terra. El é o exemplo, o paradigma do xogador recoñecido no estranxeiro, pero esquecido cando necesitaba o pulo para quedar na casa. E el, que volvía polo Nadal, estreouse coa selección con dous goles e liderando a reivindicación de moitos compañeiros máis. Gañou Galicia e saíu como heroe seis horas despois de xogar o derbi de Glasgow.

Porque este adoita ser un partido de reivindicacións. Reivindicacións de país, políticas e futbolísticas. Novo baixou do avión para demostrar por que triunfou nun grande de Europa como o Rangers, co que xogou –e perdeu– o derbi ante o Celtic pola mañá. Pola noite, o seu ímpeto no debut coa irmandiña foi propio tamén dun partido de rivalidade. Na súa estrea con Galicia asumiu a condición de estrela internacional dun equipo que segue invicto. Atrás quedaron a súa marcha do seu Ferrol natal, ou as súas andainas polos campos de Terceira co Huesca.

Novo correu onte coma se non xogase só unhas horas antes. Levou todo o peso de ataque combinando, sobre todo, cos dous Álvarez, Pablo e Julio. O deportivista cansou de estirar o campo por ambas as dúas bandas ata que un bo pase del foi completado polo escocés. O de Almería, pola súa banda, regalaba as pingas de calidade dun equipo onde o ímpeto volveu responder á ilusión dunha bancada que, coma eles, nunca falla ante estas citas.

Pasou un pouco máis desapercibido Iago Falque. O vigués loita por emular o gran Luis Suárez, acadando en Italia os triunfos que non puido completar no seu Barça. Trashorras, o seu substituto na mediapunta, cargou o equipo nas costas na segunda parte. E Novo –onte era o seu día grande– encargouse de rematar outra boa xogada galega.

Foi o encontro unha reivindicación dos emigrantes, tamén do suízo Cabanas ou do trotamundos Losada, autor do terceiro de penalti. Nada mellor para homenaxear a Galicia que lembrarse dos que se esforzan fóra, na quinta provincia futbolística. Son tamén moitos os futbolistas de Irán que amosan a súa calidade lonxe da antiga Persia. O equipo asiático demostrou que non viña de vacacións e respondeu a cada ataque galego con tanto bo trato do balón coma os locais.

Dirixidos por Vázquez e Arsenio, pouco afeitos ao fútbol directo, os branquiazuis non rifan a pelota. Loitan por lembrar que Amancio, Suárez, Marcelino ou Fran naceron neste Fisterra tan ao norte como antagónico ao fútbol cantábrico.

O Atlántico foi onte o protagonista. O océano que baña Riazor e une o país con outras nacións irmás como Escocia, de onde onte chegou un rapaz que xa é o líder claro dunha selección: a galega.

*Tamén en Xornal de Galicia