30.10.07

Samaín


Este mércores 31, o Samaín celébrase n'A Cova Céltica (Rúa Orzán, 82). A asociación socio-cultural Os Curriolos da Pescadería celebran (celebramos) unha festa para conmemorar unha data que adoita vencellarse ao Halloween, cando debería ser ao revés. Se vos pasades, traede unha cabaza decorada. Vémonos!

29.10.07

Mediocres


Calquera afeccionado debe afacerse xa a que o seu equipo sexa tratado como foráneo nas retransmisións radiofónicas feitas desde a capital dos partidos do Real Madrid. Consellos para derrotar o rival por parte dos comentaristas, lamentos cando os merengues erran un gol... Pero hai cousas peores. Antes do Madrid-Dépor, un coñecido xornalista, admirado por tantos entre os que me inclúo, xustificaba así a ausencia de Raúl: “Jugará ante los grandes, pero no hace falta ante equipos mediocres”.
Logo, o Madrid tivo que recorrer ao gran capitán. Os seus compañeiros non podían cos mediocres dun Deportivo que, por certo, leva 16 anos sen perder cos brancos en Riazor.O Dépor é un mediocre ao nivel de difíciles rivais para o Madrid como o Getafe, o Almería, o Valladolid... Clubs e afeccións para as que competir en Primeira xa é un orgullo. O mesmo orgullo que debe sentir a selección española, cuxos partidos narra o mesmo xornalista, ante equipos grandes afeitos a gañar títulos e non a caer sempre en cuartos de final, como mediocres, con ou sen Raúl no campo. Porque ser demagóxico é así de fácil.


*Porque ante os necios fanse oídos xordos, pero ante os que admiras e respectas é máis difícil quedar calado. Tamén en www.l-v.es.

25.10.07

Dez anos sen Diego



Hoxe hai dez anos que Maradona deixou o fútbol profesional. Desde aquela, este deporte xa non é o mesmo. El, que gañou un Mundial con Valdano ou Burruchaga como maiores estrelas secundarias; el, que fixo do Nápoles unha lenda en tan poucos anos; el, que representa todo o malo que o ego excesivo pode provocar nunha persoa... Pero, como me dixo Calamaro nunha entrevista: "Alguien debería alguna vez ponerse en el lugar del Diego e imaginarse lo difícil que es ser un Dios para tanta gente". Porque ninguén acadará nunca o nivel de mito dun xogador capaz de joder os ingleses cun gol na man para, pouco despois, anotar o tanto máis bonito da historia. El, que era capaz de que 50.000 persoas chegaran antes ao estadio para ver os seus exercicios de quecemento (fixádevos no vídeo!). El, que foi capaz de que estivera unha mañá enteira nervioso agardando o momento de ver, por primeira vez na miña vida, a Dios nun campo de fútbol. Aquel día, o único que fixo foi romperlle o nariz a Albístegui dunha patada. Porque el era así. Imprevisible e espectacular en calquera momento, pero único.

22.10.07

O clima de Rajoy

Di Rajoy que hai "cosas más importantes que el cambio climático" e fixo referencia a un primo seu (catedrático de Física) para advertir de que non é posible predicir "ni qué tiempo va a hacer mañana en Sevilla". ¿Para canto máis dentro de 300 anos? Eu tampouco sei se estarei morto mañá, pero si sei que se como grasa cinco veces ao día e fumo un paquete diario, é posible que non viva todo o desexado. En fin, máis aló de pensar que este home razona moi á súa maneira, o caso é que fiarse das consideracións científicas de quen asegurou que no Prestige se observaban "cuatro regueros casi solidificados con aspecto de plastilina en estiramiento vertical" non debería ser recomendable. O fuel saía do maldito barco a un ritmo de 125 toneladas diarias cando Rajoy abriu a boca. Se cadra, a terra desaparece moito antes que dentro de 300 anos.

16.10.07

Porto. Tão perto, tão longe





Tão perto, tao longe. Así está Porto. Perto, a pouco máis de dúas horas en coche, a moito menos en canto ao idioma e costumes. Longe, tan lonxe que semella que vivimos de costas. Un, que tivo o pracer de visitalo hai ben pouco, segue sen entender como moitos adoitan buscar unha gran cidade a milleiros de quilómetros, cando tão perto existe unha urbe dinámica, enorme (máis de millón duascentas mil persoas, sen contar a súa enorme área metropolitana), viva, con prezos semellantes aos galegos, cunha grande oferta cultural e centos de opcións de ocio ou compras. E de traballo, por que non? Pero seguimos de costas. Tan de costas, que xa hai máis rapaces estremeños que galegos que deciden aprender portugués no instituto. Éche así. Tamén resulta estraño comprobar como ducias de turistas galegos insisten en falar español cos veciños lusos, mentres eles se esforzan por responder nun castelán máis que aceptable. Pero eles tamén falan un inglés perfecto. E non lles dá voltas a cabeza por aprender tanto idioma.

9.10.07

Así somos os galegos

Inmellorable definición da forma de ser dos galegos.

8.10.07

40 anos sen Che Guevara


Un símbolo para os que non se conforman co que hai, pero que nunca terán (teremos) o valor para facer o que el fixo. Un exemplo convertido en marca, pero un exemplo ao fin.

4.10.07

Ata sempre, amigo

Aínda sinto algo no estómago. Creo que nunca unha morte dunha persoa descoñecida me impactou tanto. Minto, Carlos Llamas non era un descoñecido. El era un máis da familia. A súa voz acompáñame desde que teño uso de razón. Ceando, no coche, de fondo na ducha... Sempre estaba aí. Na Coruña, en Santiago, en Barcelona... Canto se botaba de menos en Londres! A súa calma, o seu saber estar, a súa honestidade... Moito máis aló de estar dacordo ou non con el. Porque nestes tempos nos que algúns intentan enfrontar e incendiar a sociedade desde as ondas, a súa marcha é máis dura aínda. O seu exemplo será imborrable.
Para aqueles que admiramos a radio, aqueles que non podemos pasar un día sen que nos acompañe, para os que incluso medramos xunto a el, hoxe é un día triste. Volveu para darnos esperanzas, pero non puido aguantar. Descanse en paz. Ata sempre, amigo!

3.10.07

Crecen as grúas

Crecen as grúas. Como cogumelos. Isto é o que se ve desde unha das fiestras da miña casa. É Vioño, unha das últimas aldeas rurais que quedaba na cidade. Un pouco máis á dereita hai un parque que, segundo poñían os xornais de hai tempo, ía ser un dos máis grandes de Europa. Quedou en moito menos. O ladrillo é máis rendible e as grúas, polo que se ve, medran moito máis rápido que as árbores.