16.10.07

Porto. Tão perto, tão longe





Tão perto, tao longe. Así está Porto. Perto, a pouco máis de dúas horas en coche, a moito menos en canto ao idioma e costumes. Longe, tan lonxe que semella que vivimos de costas. Un, que tivo o pracer de visitalo hai ben pouco, segue sen entender como moitos adoitan buscar unha gran cidade a milleiros de quilómetros, cando tão perto existe unha urbe dinámica, enorme (máis de millón duascentas mil persoas, sen contar a súa enorme área metropolitana), viva, con prezos semellantes aos galegos, cunha grande oferta cultural e centos de opcións de ocio ou compras. E de traballo, por que non? Pero seguimos de costas. Tan de costas, que xa hai máis rapaces estremeños que galegos que deciden aprender portugués no instituto. Éche así. Tamén resulta estraño comprobar como ducias de turistas galegos insisten en falar español cos veciños lusos, mentres eles se esforzan por responder nun castelán máis que aceptable. Pero eles tamén falan un inglés perfecto. E non lles dá voltas a cabeza por aprender tanto idioma.

No hay comentarios: