31.5.07

Eleccións, fútbol e Real Madrid

Di un amigo que ser do PP é coma ser do Madrid. Non lle falta certa razón. Os votantes populares, coma os madridistas –di el-, son fieis e maioría. O equipo merengue foi durante anos a representación máis real do centralismo español e, ao igual que o PP, arrasa no centro e na súa periferia, pero non na periferia máis afastada.
Ao igual que ao Real Madrid, ao PP quérelo ou o odias. Non hai outra. O PP é maioría, pero cústalle atopar socios cos que pactar. No fútbol tamén. Máis aló das vinculacións evidentes co tardo-franquismo, a etapa galáctica de Florentino Pérez provocou a bipolarización futbolística do Estado, tan evidente na política. As dúas Españas, que adoitan dicir. Madridistas, ou pequenos afíns, e antimadridistas (todos os demais). Como en política.
Igual que moitos intentan entender como é posible que este PP acumule tantos votos e sexa maioría nas vilas acosadas pola corrupción urbanística, outras pregúntanse como é posible que o Real Madrid sexa a estas alturas o máximo candidato a gañar o título. Despois de tantas críticas, tanta mezquindade no xogo e tantas meteduras de pata de Capello (que llo pregunten a Helguera ou Beckham)… "E tanta arrogancia!", engaden outros.
O caso é que agora, na política, o PSOE e os seus aliados buscan pactos para darlle unha alternativa de progreso á dereita do PP. BNG, IU, Nafarroa Bai, ERC… Todos únense co PSOE (ese Barça da política) para evitar a vitoria pepera. No fútbol, atléticos, sevillistas, culés, moitos deportivistas (velaí un exemplo do que o Madrid colleita agora en feudos moi brancos antes), celtistas, realistas, osasunistas… Son maioría os que preferirían unha Liga blaugrana ou do Sevilla antes ca do Madrid. A cuestión é que na política, ademais de maletíns, tamén hai pactos. O fútbol é un xogo e os pactos (case sempre) son inviables, pero os maletíns, negros e escuros, sempre son benvidos.

16.5.07

Que é borear?



Borear é unha desas palabras que non se atopan no diccionario. Na miña terra, borea aquel do que non se sabe ben o que está a facer ou aquel que fai algo sen beneficio concreto. "Debe andar boreando por aí" ou "anda de boreo" son expresións moi típicas na comarca do Ortegal (e supoño que noutras tamén). Pero, á vez, borear é tamén falar e falar sen chegar a ningures. Como case sempre. Internet e a Rede permiten que borear xa non sexa tal. Agora, calquera boreo pode cobrar relevancia desde un pequeno recuncho e para todo o mundo.