31.5.07

Eleccións, fútbol e Real Madrid

Di un amigo que ser do PP é coma ser do Madrid. Non lle falta certa razón. Os votantes populares, coma os madridistas –di el-, son fieis e maioría. O equipo merengue foi durante anos a representación máis real do centralismo español e, ao igual que o PP, arrasa no centro e na súa periferia, pero non na periferia máis afastada.
Ao igual que ao Real Madrid, ao PP quérelo ou o odias. Non hai outra. O PP é maioría, pero cústalle atopar socios cos que pactar. No fútbol tamén. Máis aló das vinculacións evidentes co tardo-franquismo, a etapa galáctica de Florentino Pérez provocou a bipolarización futbolística do Estado, tan evidente na política. As dúas Españas, que adoitan dicir. Madridistas, ou pequenos afíns, e antimadridistas (todos os demais). Como en política.
Igual que moitos intentan entender como é posible que este PP acumule tantos votos e sexa maioría nas vilas acosadas pola corrupción urbanística, outras pregúntanse como é posible que o Real Madrid sexa a estas alturas o máximo candidato a gañar o título. Despois de tantas críticas, tanta mezquindade no xogo e tantas meteduras de pata de Capello (que llo pregunten a Helguera ou Beckham)… "E tanta arrogancia!", engaden outros.
O caso é que agora, na política, o PSOE e os seus aliados buscan pactos para darlle unha alternativa de progreso á dereita do PP. BNG, IU, Nafarroa Bai, ERC… Todos únense co PSOE (ese Barça da política) para evitar a vitoria pepera. No fútbol, atléticos, sevillistas, culés, moitos deportivistas (velaí un exemplo do que o Madrid colleita agora en feudos moi brancos antes), celtistas, realistas, osasunistas… Son maioría os que preferirían unha Liga blaugrana ou do Sevilla antes ca do Madrid. A cuestión é que na política, ademais de maletíns, tamén hai pactos. O fútbol é un xogo e os pactos (case sempre) son inviables, pero os maletíns, negros e escuros, sempre son benvidos.

1 comentario:

Alfredinho dijo...

Ben, xa te collín. Non me acordaba da dirección (aínda que me dixeches o venres) e lla tiven que preguntar a Alex.

Agora a escribir moito e ben, que te vou seguir con lupa.

Póñoche un link no blog!

Saúdos!