11.3.08

Quen gañou?

E disque gañou a esquerda. Pois se cadra non tanto. O PSOE comeulle votos a Izquierda Unida e a Esquerra, o bipartidismo é cada vez máis forte, os nacionalismos perden forza e, xa que logo, o pluralismo é cada vez menor. O PP está contento porque, malia perder, a desfeita de IU, dos temibles republicanos cataláns ou de Eusko Alkartasuna é unha vitoria para eles. A baixada de votos do PNV, tamén. Do mal, o menor: a burguesía e dereita catalá, tan afeita a pactar con quen máis lles dea, será a clave. A outra dereita (extrema) non gañou, certo, e iso foi o que querían moitos, pero isto cada vez é máis parecido ao fútbol. Do Barça ou do Madrid. O demais, pouco importa. Que hai que esperar dun sistema onde un millón de votos valen o mesmo que menos de 200.000? Cun reparto proporcional, IU tería agora 14 escanos e non 2, o BNG, un máis (3), mentres que PP, PSOE e PNV perderían deputados e CiU quedaría igual. O conto de que o sistema favorece ás minorías non é tal. ¿Atreveríase Zapatero a pactar con CiU tendo a posibilidade clara de facelo con Izquierda Unida? Velaí a cuestión.

1 comentario:

Alfredinho dijo...

É unha mágoa que un partido histórico como IU (antes en forma do PCE) caia dun xeito tan estrepitoso.

A xente ríase de Llamazares por falar de "tsunami bipartidista", pero ten toda a razón do mundo. Non se pode competir contra un bombardeo de cor azul ou de cor vermello (aínda por enriba o PSOE adxudicándose unha cor que non lles pertence).

É unha mágoa ver que a xente coma min xa non temos unha representación digna (falo de cantidade, non pola calidade, que deso en IU nunca faltou) no Congreso dos Diputados.

Aínda así, cando Carrillo di que se non chega a ser por Llamazares os resultados de IU serían moito peores... imaxínate a donde poderíamos ir a parar.

Paréceme a min que non só o PP precisa unha remodelación...

Unha aperta!