12.6.07

Sen Casa, sen Lubre


É impagable ter unha barra onde apoiarte. Si, como un ombro no que buscas consolo. É único ter de man un bar no que sabes que sempre atoparás conversa, discusión, amigos... Hai quen sae da casa por non estar nela, pero hai tamén quen busca fóra un fogar no que poder meter tantos amigos. A Cova ou a Casa da Lubre son, desde hai tempo, dous deses lugares. Únicos e complementarios.
Desde o vindeiro 28, xa só nos quedará unha desas casas okupas, unha desas barras cómplices. Porque ás veces un pensa que o mármore pode amoldarse ao teu brazo nalgúns locais. Como na Lubre. Perderemos ese recuncho reservado pero, ao mesmo tempo, perderemos tamén moitas reflexións, moitas parvadas, moitas risas, ilusións, cabreos... O falar non ten cancelas. Preto de Xulio e Tere, Rodrigo, Pesqui, Álex, Pedriño... Non había muro que parase tanto parolar entre nós.
Non buscabamos boureo nin festa no noso recuncho. Buscabamos afinidade, confianza: unha casa. Porque esa é tamén unha das nosas Casas, e tamén a nosa Lubre, un deses montes máxicos onde as palabras se fixeron eternas. Ai... se as paredes falasen. Falarían abondo... e calarían outro tanto. Buscaremos outro recuncho, pero ningún coma ese. Seguro. Foi unha mágoa non descubrilo moito antes. Grazas!

1 comentario:

Alfredinho dijo...

Parece que son os bos os que marchan. Parece que non teñen dereito a sobrevivir.

Quedan tres clásicos en pé: A Cova, o Jazz e o Dublin. ¡Que sexa por moito tempo!
De seguro que mentres sigamos aí, eles tamén o farán.

E se marchan... o seu espíritu quedará entre nós, e aínda que levanten unha casa no seu sitio, sempre saberemos que nese recuncho estivo unha vez boa parte da nosa vida.

Saúdos e sigue así, que da gusto lerte!