30.7.07

Saber venderse

Os galegos non choran, emigran. O mesmo ocorre no fútbol. Hai anos, cando Deportivo e Celta loitaban cos mellores equipos de Europa, era case impensable que rapaces do Fabril ou do filial celtiña puideran competir con homes como Naybet, Cáceres, Mostovoi, Djalminha, Fran, Karpin ou Luque. Iso si, anos despois, o Celta baixou e tirou de Oubiña. Na reconversión do Dépor, Iago, pegando un chimpo de Terceira a Primeira, rendeu como substituto dun tal Valerón. Pero iso non chega. Hai que saber venderse. Antes aludíase ao escaso currículo ou á inexperiencia dos novos para xustificar a ausencia de canteiráns. Iago: 15 partidos en Primeira, catro goles (dous o ano pasado en tan só 345 minutos, o mellor promedio do equipo), internacional sub 21... Non chega. “Grazas, pero adeus”, diranlle. Xurdiu nunha situación difícil, chovéronlle eloxios -“lo más parecido a Fran desde que Fran se fue”, dixo algún medio-, pero non valeu. Nunca levantou a voz nin se queixou malia perder excelentes oportunidades por culpa dun adestrador que o mareou mentres enchía a boca falando de canteira. “Agora si, agora non, agora queda, mellor vaite...” E iso a pesar de ser, posiblemente, o xogador que máis barato lle saíu ao Deportivo. Como Jonathan Aspas no Celta, que recoñeceu un soldo irrisorio e digno de 2ªB comparado con algunha desas estrelas mundiais que descendeu a Segunda. Son rendibles, pero non se queixan, non presumen, non presionan e ninguén lles fai despedidas como heroes. Marchan, como fixo Viqueira. Quen llelo dera agora a algún dos nosos.

Sorte amigo!!!

1 comentario:

Alfredinho dijo...

O máis triste é que todos sabemos (empezando polo adestrador) que é un xogador moi válido para un Deportivo que non é máis que unha mínima sombra do que nalgún día foi.
Repito: ¡Qué triste!

Moita sorte Iago!



Señor Miguel, vémonos na Cova!