As paredes sempre falaron claro e, ás veces, moito mellor ca un cento de manifestos xuntos.
14.7.08
30.6.08
Fútbol, sen máis
Tamén en L-V
16.6.08
A desidia dos desmotivados

O plantel celeste perdeu o domingo a ocasión de despedir con decencia unha tempada indecente. O Racing non descendeu por culpa do equipo vigués, pero a afección ferrolá –e tamén a celeste– tardará en esquecer a desidia duns futbolistas que se deixaron remontar en tres minutos e que non deron atopado motivación nin no seu escudo, nin no favor que lles pedía a bancada para outro galego. Isto non é o fútbol vasco. Está claro. Sen nada que xogarse (para eles, claro) e pensando máis na Lei Concursal ou no seu vindeiro club, os futbolistas do Celta, ao igual que outros, desvirtuaron a competición nunhas últimas xornadas ás que alguén debería buscar amaño. O Racing, un equipo pobre pero ao día, partiu con desvantaxe. Eles non podían ofrecer cartos a ninguén por gañar... nin por deixarse perder. Aí Silveira ten razón, e moita. Non a tiña cando desexou o mal alleo.
*Tamén en L-V
4.6.08
Cousas veredes
A federación de baloncesto prescinde de Pepu, o home que conseguiu o primeiro título mundial para España na historia deste deporte. A de balonmán, obrigada polo acordo dos clubs que impide compaxinar equipo e seleción, retira a súa oferta de renovación a Juan Carlos Pastor, o técnico que acadou o único ouro mundialista nesta disciplina. No fútbol, Luis Aragonés continúa no seu cargo logo de eternas polémicas e tras prometer que marcharía se non pasaba de cuartos no último Mundial. Caeu en oitavos. Cousas veredes...22.5.08
Por que?

Porque uns estaban de vacacións e outros deprimidos; porque son as peores datas posibles; porque está mal organizada; porque a final era en Santiago, en Lugo... e ao final foi en Ourense; porque ía ser o 1 de maio, logo na pretempada e finalmente o día 20; porque foi un martes ás 20.45 horas; porque era un día laborable; porque debería ser en Compostela (por sentido común); porque é unha vergonza que a Televisión de Galicia non retransmita a Copa de Galiza; porque...que coño hai que retransmitir daquela?; porque as afeccións merecen máis respecto; porque a cara de concentración de Manuel Pablo dio todo; porque o fútbol é da xente; porque os xogadores non lle dan importancia a un derbi; porque un derbi é un derbi (hostia!); porque os clubs de Terceira protestaron; porque o trofeo parecía comprado na tenda da esquina; porque hai quen non sabía nin cantos xogadores se podían cambiar; porque é oficial para quen a gaña e unha pachanga para quen perde; porque o lóxico sería que fora na pretempada; porque en dúas edicións cambiou de nome dúas veces; porque hai quen xa insinúa con non xogala; porque calquera o organizaría mellor; porque a Copa da Costa é moito máis interesante; porque esta organización non merece o nome que leva... E un cento de razóns máis para mellorar a Copa Galiza. Por que non se fan as cousas como é debido?
19.5.08
Paciencia
Hai xa varios meses, un ex adestrador de Primeira advertíame: “Baixarán a Segunda tres dos equipos que cambiaron de adestrador”. O Levante, á marxe dos seus múltiples problemas, tivo tres técnicos durante a tempada; o Murcia, dous, e o Zaragoza, catro. Tiña razón. A paciencia, moitas veces, é moi boa conselleira e o Deportivo demostrouno. Quen non cría que o mellor era botar a Lotina despois de perder en Almería? Lendoiro aguantou, a afección tamén, Lotina rectificou e os xogadores reaccionaron a tempo. Agora, todos son louvanzas para o técnico vasco, un tipo ao que, por certo, dá gusto oílo falar E que sería do Celta se non botara a Fernando Vázquez hai ano e medio? Que sería do Zaragoza se non prescindira de Víctor Fernández? Paciencia, 'la madre de la ciencia'.
12.5.08
Rijkaard si
Guardiola é o elixido. Un dos meirandes símbolos do mítico Dream Team será o encargado de devolver ao Barça a grandeza que perdeu nestas dúas últimas tempadas, nas que a súa desidia regaloulle títulos a un Madrid que tirou de casta con Capello e ao que non se lle viu nada daquela “excelencia” que prometera Ramón Calderón con Schuster. Os merengues foron os mellores, sen discusión. Pero ninguén lembrará este equipo polo seu bo xogo.O caso é que Rijkaard marcha e a única explicación que lle encontro é que quizais sexa demasiado brando. Nesta Liga calquera enche a boca louvando a estrutura dos equipos ingleses, que manteñen un estilo e os seus adestradores malia non conseguir resultados. Ferguson ou Wenger son claros exemplos. O técnico holandés foi tamén un exemplo. De educación, de saber estar, de elegancia. Nunca levantou a voz e, con el á fronte, o Barça fixo o mellor fútbol que eu recordo en moito tempo, o único comparable ao que implantara o seu compatriota Cruyff. Pero marcha. Con Gaspart, os culés estiveran cinco anos sen gañar títulos, pero Frank marcha tras gañar dúas Ligas e unha Copa de Europa. Ronaldinho continúa de festa e Eto'o máis pendente de protestar por todo que de xogar (ou de non xogar para non ser humillado, que é peor aínda). Pero é Rijkaard quen marcha. Ante o Mallorca, moitos culés demostraron con asubíos quen son para eles os culpables. Os aplausos foron para o holandés que, ademais da súa aposta futbolística, deixa moitas outras cousas que outros deberían aprender. Visto a Quique Flores, Caparrós, Schuster, Koeman e algúns máis, vai resultar que é mellor ser chulo... E tamén parecelo. Good luck, Frank!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
