30.6.08

Fútbol, sen máis

Bo para o fútbol. A vitoria de España demostrou que xogar ben tamén é sinónimo de triunfo. A selección de Aragonés recuperou a esencia, o toque e a rapidez do balón como alicerces dun éxito histórico. E o que é máis importante, conseguiu a unanimidade nun recoñecemento que só iguala o Brasil do 70. Este grupo de rapaces rachou dun só golpe co pesimismo secular e coa visión máis rancia do fútbol español, por moito que algunhas bandeiras franquistas agromen nas celebracións e que moitos dos seus seareiros sigan animando vestidos de gardas civís, toureiros ou folclóricas. Unha visión oposta ao plurarismo que representa o seu plantel, entre o que algún deles recoñece comunicarse en catalán no campo para desgraza dos máis retrógrados. Os de Aragonés conseguiron, ademais, que incluso os que non se emocionan coa selección (porque non a senten como súa ou porque preferirían ser representados por un territorio máis achegado) vibrasen cun xogo espectacular, dinámico e que reivindica a clase por riba do físico e a posesión como mellor arma defensiva. Gañou o mellor e o máis espectacular e iso, por riba de calquera sentimentalismo, é a mellor noticia para un fútbol que, como a economía, afrontaba xa unha crise especulativa. Adeus á Furia, ola ao Fútbol.
Tamén en L-V

No hay comentarios: