2.4.08

Destino e esforzo


*Hai tres anos, unha lesión de Tristán convenceu a Irureta para completar as convocatorias do Dépor cun dianteiro do filial. Alí estaba Jonathan Carril, pichichi da Terceira. Era a súa oportunidade, pero unha sanción de catro partidos provocou que Jabo apostase por Xisco, outro prometedor canteirán. Pouco despois, a ausencia de Luque obrigaba a concederlle a titularidade a un dos rapaces, pero Jonathan tiña un precontrato co Atlético, rival en Riazor. Entre dúbidas legais e castigos de altas instancias, Carril volveu quedar fóra. Xisco debutou no once e demostrou a súa valía. No seguinte partido, anotou dous goles. Chegou para quedar, pero non dubidou en emigrar ao Vecindario para madurar e mellorar como poucos. Porque Xisco, como ante o Murcia, adoita estar sempre no momento xusto e no lugar adecuado. E non se equivoca. O destino xogou ao seu favor, pero todo o demais chegou da súa man. O domingo tivo o seu día grande. Por méritos propios.


*Tamén en LV. (Como me dixo un día un xogador: "No fútbol hai que estar no momento xusto e no lugar adecuado". Cantos quedarán no camiño...)

16.3.08

Os novos deportivistas

*Que A Coruña é madridista é unha afirmación desacreditada hai ben tempo. A irrupción do Superdépor nos 90 permitiu que os rapaces que soñaban con ser grandes medraran vendo a súa cidade na elite. Cultivaron así a rivalidade co poderososo que algún día ateigaba Riazor, e fomentaron unha afección que xa non esmorecería nin nas peores épocas... E iso, a fidelización cun equipo, vale máis que moitos títulos. Os novos deportivistas non soñan con ser como o Madrid. Soñan con gañarlle.
*Tamén en L-V

11.3.08

Quen gañou?

E disque gañou a esquerda. Pois se cadra non tanto. O PSOE comeulle votos a Izquierda Unida e a Esquerra, o bipartidismo é cada vez máis forte, os nacionalismos perden forza e, xa que logo, o pluralismo é cada vez menor. O PP está contento porque, malia perder, a desfeita de IU, dos temibles republicanos cataláns ou de Eusko Alkartasuna é unha vitoria para eles. A baixada de votos do PNV, tamén. Do mal, o menor: a burguesía e dereita catalá, tan afeita a pactar con quen máis lles dea, será a clave. A outra dereita (extrema) non gañou, certo, e iso foi o que querían moitos, pero isto cada vez é máis parecido ao fútbol. Do Barça ou do Madrid. O demais, pouco importa. Que hai que esperar dun sistema onde un millón de votos valen o mesmo que menos de 200.000? Cun reparto proporcional, IU tería agora 14 escanos e non 2, o BNG, un máis (3), mentres que PP, PSOE e PNV perderían deputados e CiU quedaría igual. O conto de que o sistema favorece ás minorías non é tal. ¿Atreveríase Zapatero a pactar con CiU tendo a posibilidade clara de facelo con Izquierda Unida? Velaí a cuestión.

26.2.08

God save the Kid


Tres goles máis e van 21. Fernando Torres, o outro triunfador español na Premier, insiste en calar bocas no Liverpool. O seu último hat trick debería ser o definitivo que remate coas críticas daqueles que insisten en que é un dianteiro sen gol, que erra demasiado ou que non vale para un grande. Eran estes os mesmos que, ben seguro, o subiron aos altares cando debutou con tan só 17 anos no Atlético. É costume en España esaxerar as louvanzas cando as cousas van ben e tamén as críticas cando non todo sae como debera. O caso é que os datos tampouco daban a razón aos críticos que insistían en minimizar as cualidades de Torres. Na súa primeira tempada en Primeira anotou 13 goles, un menos que un tal Eto’o no Mallorca. Na segunda chegou a 19, dous máis que o camerunés, que non foi quen de superar a barreira dos 20 ata que chegou ao Barça. Porque as oportunidades eran escasas e porque non é o mesmo recibir os pases de Messi, Ronaldinho, Deco ou Iniesta que esperar unha asistencia de Nagore, De los Santos, Emerson ou Musampa. Aínda así, El Niño, capitán do Atleti sendo un rapaz, promediou 15 goles por ano nun equipo que fracasou e fracasa. Nun fútbol ideal para el e sen a presión do pasado, Torres, fillo e neto de galegos, vai camiño de facer historia. Aínda así, non faltará quen diga que, sen el, o Atleti vai mellor... ¿Ou xa non?

*Para Alfredinho e para os que nunca nos rendemos na nosa teima.
Tamén en LV

31.1.08

Entroido (IV) - Os xeques árabes

Cargados de cartos, con seguridade privada e... ¿que coño facía a Virxe María (primeira pola dereita) con estes poderosos árabes e musulmáns?

15.1.08

Entroido (III) - San Fermín

O doado dos traxes sanfermineros contrastaba coa obra mestra do noso touro, un animaliño manso que servía tamén de carro para as bebidas. Ao pobre, foille prohibida a entrada nalgún bar, pero non a nós, que cantamos as cancións propias da festa pamplonica en todas as tascas... e en todas as igrexas. Pero o mellor, sen dúbida, foi ver correr centos de persoas detrás do noso touro polas rúas máis céntricas da cidade. Foi un 'encierro' masivo, popular e divertido que mereceu incluso comentarios na prensa coruñesa e fotos con varios admiradores. Un exitazo!

12.1.08

Entroido (II) - Os Tonechos

E que dicir destes dous! Máis mérito aínda que o disfraz tiñan as súas imitacións. Entrando nun bar gótico, a un deles ocorreuselle dicir: "Papá tío, marchamos de aquí que isto é un velatorio!". Había que ver a cara dos presentes. Inimitables.