9.1.08

Entroido (I) - New Team


Rematadas (por fin!!!) as festas do Nadal, achéganse moito as do Entroido, unha das preferidas para min e para a maioría dos meus amigos e colegas varios, verdade? Para motivar un ano máis á peña carnavaleira, aquí comeza unha serie para recordar os mellores disfraces dos últimos anos. O primeiro é este de 'Campeones'. Aínda que na foto non se aprecia moito, estaba Oliver, Benji (aí se lle ve a gorra), Patty (con diadema incluída), Mark Lenders e todo o equipo do New Team, con dorsais e todo. O éxito acadado durante aquel Entroido foi o resultado dunha semana de traballo. Debuxando, pintando camisetas... Ata a música nos acompañou. "Allá van con el balón en los pies...". Lembrades?

2.1.08

Seleccións


Houbo medios que falaron de “fracaso” e “partidos que no interesan a nadie” para referirse aos encontros das seleccións 'autonómicas' da pasada semana. Outros insistiron en que hai cousas máis importantes nas que gastar os cartos, nunha afirmación tan real como demagóxica. Eu tampouco quero que gasten un peso en financiar a Igrexa, en facer certos programas de televisión ou en pagarlle soldos millonarios a ex presidentes... pero non me queda outra que achantar. O que me pregunto eu é se son iguais de criticables os partidos das seleccións estremeña, murciana ou andaluza -con campos baleiros e moitísimos xogadores negándose a participar- que aqueles que reunen 28.000 espectadores nun estadio que non se enche desde que xogaba Mostovoi ou xuntan 40.000 persoas un sábado previo a fin de ano. Pero claro, disque estes últimos son actos “politizados”. Evidentemente, e tan politizados. O estraño sería ver 30.000 persoas vendo un partido de Murcia ou Extremadura, ou reclamando a súa oficialidade. Porque hai diferenzas... ¿Ou non?

18.12.07

Aldea

Atopeina! Hai uns días escoitei unha canción dun rapeiro suízo fillo de emigrantes. Nela, falaba das súas experiencias na súa vila de orixe cando ía de vacacións ou de fin de semana, como tantos de nós. Todo aquel que ten aldea (que mal sona isto, porque non temos aldea, somos de aldea) tense que ver representado en moitas das súas estrofas. "O balón na eira", "os primeiros cigarros" e a mellor delas: "Quen sabe beber, tamén sabe rezar". Ai...! Esas "resacas do carallo" cando íamos a misa obrigados case sen durmir. Este Gran Purismo resume perfectamente a morriña do rural e as experiencias en San Claudio, Dombodán, Cores, Corme ou Pardeconde... Non si? Porque xa o digo eu: quen non tivo aldea, non tivo infancia. Escoitádeo aquí.

15.12.07

Cariño

Unha emisora de radio declarara hai anos a Cariño como a vila co nome máis bonito de España (obvio). O que moi poucos saben, agás os que me escoitan falar a cotío deste lugar, é que este pequeno concello pesqueiro fai boa honra ao seu nome. Pola natureza salvaxe, porque o ladrillo aínda non o invadiu, pola súa tranquilidade... Quizais demasiada calma nun sitio onde os mozos emigran cada vez máis e onde o turismo de verán substitúe a industria conserveira que vai morrendo día a día. Aquí podedes ver un vídeo sobre os problemas dunha terra esquecida entre dous mares, con menos sona que outras, pero moito máis apetecible... Aínda que eu non sexa nada obxectivo.

23.11.07

Ja, ja, ja!

O PP copia o lema electoral de IU. Este é o comunicado de prensa da coalición de esquerdas. Inimitable:

Izquierda Unida quiere mostrar públicamente su "total compresión y solidaridad" con el Partido Popular, después de que esta formación haya decidido copiar el lema utilizado por IU en la pasada campaña de las elecciones municipales y autonómicas de mayo. Fuentes de la formación que lidera Gaspar Llamazares consideran que "es comprensible, y nadie debe rasgarse las vestiduras por ello, que la falta de ideas del partido de Mariano Rajoy, demostrada a lo largo de toda la legislatura, le lleve a permitirse este tipo de licencias preelectorales, totalmente justificadas en su caso".
Todos los hombres y mujeres que trabajan en Izquierda Unida desean mostrar públicamente su "total disposición" a ayudar a Rajoy y a su equipo de campaña "a la hora también de mejorar su programa electoral en el supuesto caso de que carezca de ideas y medios económicos o humanos para conectar con la mayoría de ciudadanos".
No obstante, IU quiere mostrar su sorpresa ante el hecho de que "nuestro lema de la anterior campaña "Con IU es posible, contigo es posible" haya calado de manera tan profunda en los "gurús" electorales que tan sabiamente aconsejan al líder de la oposición de derechas. Pese a ello, por si hubiera alguna duda entre la dirección popular, deseamos aclarar que cuando empleamos la fórmula "Contigo es posible", no nos referíamos exactamente a Rajoy, aunque cualquier cambio de tendencia de última hora por su parte siempre será bienvenido".
Ante la falta de memoria histórica demostrada por el PP, Izquierda Unida pone a su disposición sus archivos y elementos electorales de campañas anteriores -eso sí, sentimos no haber elaborado muchos vídeos por falta de presupuesto- de cara a la dura cita electoral del próximo año para el caso de que quiera profundizar en la colaboración iniciada ahora, que sin duda puede ser muy fructífera para ambas partes.

20.11.07

Gratis

Publicar unha caricatura satírica do príncipe e a princesa na portada de El Jueves: 3.000 euros. Queimar unha foto do rei en público: 2.730 euros. Manifestarse a prol dunha ditadura con símbolos anticonstitucionais, reivindicar a volta dun réxime fascista, ofender as vítimas, proclamar actitudes racistas e xenófobas...: 0 euros. "Para todo lo demás..."

12.11.07

Legal

Habería tantas cousas do que falar desta fin de semana. A bronca moderada de Zapatero a Chávez, a reacción de discusión taberneira do Rey, a hipocrisía dos que chaman fascista continuamente a Aznar pero critican que o faga un dirixente político, a morte dun afeccionado italiano, a unión dos que adoitan baterse para bater conxuntamente os policías... Todas estas noticias foron tratadas con detalle e amplitude na prensa, pero moitas menos liñas mereceu o asasinato dun rapaz de 16 anos. Un mozo que ía protestar contra a manifestación fascista dun partido de ultradereita, cuxos simpatizantes acoden ás convocatorias armados con navallas. Unha manifestación legal, permitida e autorizada polo Goberno malia os cánticos a favor de reximes fascistas, de Hitler, en contra dos inmigrantes e da convivencia. Porque unhas manifestacións prohíbense por apoloxía do terrorismo, pero esta, polo que se ve, non tiña motivos para ser impedida. Defender o franquismo ou a discriminación racial non é apoloxía do terrorismo. Para nada.
Un dos manifestantes -militar, por certo- acabou coa vida dun neno. "Una pelea entre bandas", segundo a maioría dos xornais. Un crime político e por razóns políticas. Un crime fascista. Así de claro. Que deixen medrar estas herbas, a ver que recollen no futuro.