12.11.07

Legal

Habería tantas cousas do que falar desta fin de semana. A bronca moderada de Zapatero a Chávez, a reacción de discusión taberneira do Rey, a hipocrisía dos que chaman fascista continuamente a Aznar pero critican que o faga un dirixente político, a morte dun afeccionado italiano, a unión dos que adoitan baterse para bater conxuntamente os policías... Todas estas noticias foron tratadas con detalle e amplitude na prensa, pero moitas menos liñas mereceu o asasinato dun rapaz de 16 anos. Un mozo que ía protestar contra a manifestación fascista dun partido de ultradereita, cuxos simpatizantes acoden ás convocatorias armados con navallas. Unha manifestación legal, permitida e autorizada polo Goberno malia os cánticos a favor de reximes fascistas, de Hitler, en contra dos inmigrantes e da convivencia. Porque unhas manifestacións prohíbense por apoloxía do terrorismo, pero esta, polo que se ve, non tiña motivos para ser impedida. Defender o franquismo ou a discriminación racial non é apoloxía do terrorismo. Para nada.
Un dos manifestantes -militar, por certo- acabou coa vida dun neno. "Una pelea entre bandas", segundo a maioría dos xornais. Un crime político e por razóns políticas. Un crime fascista. Así de claro. Que deixen medrar estas herbas, a ver que recollen no futuro.

1 comentario:

Alfredinho dijo...

Eu coñecía a Carlos. Certo é que simplemente de vista e de intercambiar un par de saúdos. E sen embargo, non sei se por ideoloxía ou por qué, o outro día sentín que ese puñal que lle meteron tamén nos chegaba ó corazón dos que non nos molesta que nos chamen "rojos".

Unha aperta!