Guardiola é o elixido. Un dos meirandes símbolos do mítico Dream Team será o encargado de devolver ao Barça a grandeza que perdeu nestas dúas últimas tempadas, nas que a súa desidia regaloulle títulos a un Madrid que tirou de casta con Capello e ao que non se lle viu nada daquela “excelencia” que prometera Ramón Calderón con Schuster. Os merengues foron os mellores, sen discusión. Pero ninguén lembrará este equipo polo seu bo xogo.O caso é que Rijkaard marcha e a única explicación que lle encontro é que quizais sexa demasiado brando. Nesta Liga calquera enche a boca louvando a estrutura dos equipos ingleses, que manteñen un estilo e os seus adestradores malia non conseguir resultados. Ferguson ou Wenger son claros exemplos. O técnico holandés foi tamén un exemplo. De educación, de saber estar, de elegancia. Nunca levantou a voz e, con el á fronte, o Barça fixo o mellor fútbol que eu recordo en moito tempo, o único comparable ao que implantara o seu compatriota Cruyff. Pero marcha. Con Gaspart, os culés estiveran cinco anos sen gañar títulos, pero Frank marcha tras gañar dúas Ligas e unha Copa de Europa. Ronaldinho continúa de festa e Eto'o máis pendente de protestar por todo que de xogar (ou de non xogar para non ser humillado, que é peor aínda). Pero é Rijkaard quen marcha. Ante o Mallorca, moitos culés demostraron con asubíos quen son para eles os culpables. Os aplausos foron para o holandés que, ademais da súa aposta futbolística, deixa moitas outras cousas que outros deberían aprender. Visto a Quique Flores, Caparrós, Schuster, Koeman e algúns máis, vai resultar que é mellor ser chulo... E tamén parecelo. Good luck, Frank!

2 comentarios:
Non teño nada que engadir, pois xa o deixates todo dito. Non podo estar máis de acordo.
Só te esqueces dunha cousa:
¡¡LAPORTA DIMISSIÓ JA!!
Un saúdo!
Frank, you'll never smoke alone!!
Publicar un comentario