11.4.08

Máis contentos

Volve Caparrós e chega a un Riazor máis contento do que el deixou. É curioso comprobar como unha das tempadas de maior sufrimento para o Dépor é tamén a da reconciliación cunha bancada orgullosa.
Porque Caparrós salvou o equipo sen problemas, pero a súa etapa deu para moito máis. Amolou e desvalorizou os xogadores con maior peso. Prescindiu de Coloccini, Manuel Pablo ou Duscher, ao que primeiro expulsou e logo recuperou cando veu de preto o descenso. Dixo apostar pola canteira, pero Xisco e Carril acabaron cedidos, Iago mareado e os seus adestramentos cos alevíns remataron en canto renovou. Encheu a boca falando de proxecto mentres lle facía as beiras ao Osasuna para acabar marchando antes do previsto. Deu titulares e polémicas a esgalla e enfrontouse á afección tras unha suicida semifinal de Copa co seu querido Sevilla. E acabou presumindo da salvación dun equipo con Capdevila, Duscher ou Andrade como base. Unha salvación coa que seguro que Lotina non sacará peito. ¿Fútbol? Riazor recupérao pouco a pouco. O de Caparrós era outra cousa.

*Publicado en LV

1 comentario:

Anónimo dijo...

Ata De Guzmán ten algo que dicir sobre Caparrós, el que parece feliz simplemente de estar aquí. Etapa negra do deportivismo a do rebautizado Jokin (ou como se escriba). A por eles o domingo!!