Nunca me gustaron os exércitos. Nin as guerras, claro. Nin os seus lemas. Moito menos aínda. Iso si, recoñezo o labor humanitario que fan en moitas partes do mundo. Pero hai cousas que un non entende.
Foron varios os soldados que esta fin de semana marcharon para o Líbano desde Santiago. Supoño que con medo, ou respecto polo menos, logo do acontecido con compañeiros seus hai ben pouco. Había emoción nos seus familiares, pero houbo unha declaración que me deixou pasmado. Unha desas típicas de orgullo nacional. Sen medo

aparente, con... cojones.
“Estoy contento porque va a luchar por la patria”, dixo un dos familiares. Moi típico. ¿Por que patria vai loitar? Supoño que pola do Líbano, porque é a que teñen que intentar pacificar e axudar no seu desenvolvemento. ¿Ou é que viaxa para salvar a España de non sei quen?
Declaracións como esta, tan habituais, son as que seguen amosando a parte máis rancia dos exércitos, se é que hai algunha parte que non o sexa... Mellor pensado, si que a hai. A de centos de inmigrantes que ingresan nas forzas armadas para gañar uns cartos que lle son difíciles de conseguir doutro xeito. ¿A que patria van salvar eles? As patrias non merecen nunca darlles todo, pero quen si o merece é a humanidade e a xente, o que, por outra parte, sería beneficio para todas os países, nacións ou pobos que eles queiran. Empecen cambiando os seus lemas nos cuarteis. ¿“Todo por la patria”?. Non, “¡Todo por la humanidad!”.