30.6.08

Fútbol, sen máis

Bo para o fútbol. A vitoria de España demostrou que xogar ben tamén é sinónimo de triunfo. A selección de Aragonés recuperou a esencia, o toque e a rapidez do balón como alicerces dun éxito histórico. E o que é máis importante, conseguiu a unanimidade nun recoñecemento que só iguala o Brasil do 70. Este grupo de rapaces rachou dun só golpe co pesimismo secular e coa visión máis rancia do fútbol español, por moito que algunhas bandeiras franquistas agromen nas celebracións e que moitos dos seus seareiros sigan animando vestidos de gardas civís, toureiros ou folclóricas. Unha visión oposta ao plurarismo que representa o seu plantel, entre o que algún deles recoñece comunicarse en catalán no campo para desgraza dos máis retrógrados. Os de Aragonés conseguiron, ademais, que incluso os que non se emocionan coa selección (porque non a senten como súa ou porque preferirían ser representados por un territorio máis achegado) vibrasen cun xogo espectacular, dinámico e que reivindica a clase por riba do físico e a posesión como mellor arma defensiva. Gañou o mellor e o máis espectacular e iso, por riba de calquera sentimentalismo, é a mellor noticia para un fútbol que, como a economía, afrontaba xa unha crise especulativa. Adeus á Furia, ola ao Fútbol.
Tamén en L-V

16.6.08

A desidia dos desmotivados


O plantel celeste perdeu o domingo a ocasión de despedir con decencia unha tempada indecente. O Racing non descendeu por culpa do equipo vigués, pero a afección ferrolá –e tamén a celeste– tardará en esquecer a desidia duns futbolistas que se deixaron remontar en tres minutos e que non deron atopado motivación nin no seu escudo, nin no favor que lles pedía a bancada para outro galego. Isto non é o fútbol vasco. Está claro. Sen nada que xogarse (para eles, claro) e pensando máis na Lei Concursal ou no seu vindeiro club, os futbolistas do Celta, ao igual que outros, desvirtuaron a competición nunhas últimas xornadas ás que alguén debería buscar amaño. O Racing, un equipo pobre pero ao día, partiu con desvantaxe. Eles non podían ofrecer cartos a ninguén por gañar... nin por deixarse perder. Aí Silveira ten razón, e moita. Non a tiña cando desexou o mal alleo.

*Tamén en L-V

4.6.08

Cousas veredes

A federación de baloncesto prescinde de Pepu, o home que conseguiu o primeiro título mundial para España na historia deste deporte. A de balonmán, obrigada polo acordo dos clubs que impide compaxinar equipo e seleción, retira a súa oferta de renovación a Juan Carlos Pastor, o técnico que acadou o único ouro mundialista nesta disciplina. No fútbol, Luis Aragonés continúa no seu cargo logo de eternas polémicas e tras prometer que marcharía se non pasaba de cuartos no último Mundial. Caeu en oitavos. Cousas veredes...