16.9.08

Hai diferenzas


Hai diferenzas entre ser e actuar como un campión. Sempre admirei a Indurain polo seu señorío, aínda que chegase a desesperar. O navarro non namoraba co seu estilo, pero facíase querer coa súa extrema deportividade, demasiada ás veces. Todo o contrario que Contador, que encanta pola súa calidade e espectacularidade, pero non pola súa elegancia... Polo menos o pasado domingo. O máis grave (sendo grave tamén) non é que el e mais o seu compañeiro Leipheimer non colaborasen con Mosquera cando parecía o máis lóxico se querían sacarlle minutos a Valverde e a Sastre. O máis grave é que primeiro diga “que as oportunidades non se poden deixar escapar” para logo recoñecer que “pactara con Valverde para que gañara a etapa”. Daquela, o que non quería era deixar gañar ao galego, do que se beneficiou tal e como recoñeceu, pero si ao murciano, co que acordara un amaño antes de saír e a quen criticara hai uns días por non colaborar con el para deixar atrás a Sastre. Todo moi comprensible, ¿verdade? Mosquera, esquecido pola prensa madrileña, non lle pediu que lle deixara gañar. Iso vai na ética deportiva de cada un e el, polo que se ve, ten pouca.