16.9.08

Hai diferenzas


Hai diferenzas entre ser e actuar como un campión. Sempre admirei a Indurain polo seu señorío, aínda que chegase a desesperar. O navarro non namoraba co seu estilo, pero facíase querer coa súa extrema deportividade, demasiada ás veces. Todo o contrario que Contador, que encanta pola súa calidade e espectacularidade, pero non pola súa elegancia... Polo menos o pasado domingo. O máis grave (sendo grave tamén) non é que el e mais o seu compañeiro Leipheimer non colaborasen con Mosquera cando parecía o máis lóxico se querían sacarlle minutos a Valverde e a Sastre. O máis grave é que primeiro diga “que as oportunidades non se poden deixar escapar” para logo recoñecer que “pactara con Valverde para que gañara a etapa”. Daquela, o que non quería era deixar gañar ao galego, do que se beneficiou tal e como recoñeceu, pero si ao murciano, co que acordara un amaño antes de saír e a quen criticara hai uns días por non colaborar con el para deixar atrás a Sastre. Todo moi comprensible, ¿verdade? Mosquera, esquecido pola prensa madrileña, non lle pediu que lle deixara gañar. Iso vai na ética deportiva de cada un e el, polo que se ve, ten pouca.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

E sen que teña nada que ver co teu post (cando souben eu algo de deportes?)... Feliz cumpreanos! Que teñas un gran ano por diante, con moitos días para borear e facer o que queiras! :D

Alfredinho dijo...

Tarde e mal (porque xa pasaron días), pero por unha vez, querido compañeiro, vou estar en desacordo contigo (tan só en parte).

Deixando o "pacto" con Valverde a un lado, faime moita gracia ver como se critica a Contador por non deixar gañar a Mosquera na devandita etapa.
Pode ser que sexa mostra de señorío, pero a dar ninguén se fixo rico.
De acordo en que podería deixar gañar ó galego, pero o que non foi, dende logo, é unha putada, como xa lín por algún sitio.

Contador meteu o hachazo a 2 quilómetros de meta, e Mosquera non foi quen de seguilo. De acordo en que levaba tirando durante toda a subida, pero non foi quen de seguir a Contador. Pensa por un momento se non sería máis putada e menos señorío se o hachazo o pega a 100 metros da meta.

Iso é todo.

Unha aperta, e a ver se nos vemos pronto pola Cova.