22.5.08

Por que?


Porque uns estaban de vacacións e outros deprimidos; porque son as peores datas posibles; porque está mal organizada; porque a final era en Santiago, en Lugo... e ao final foi en Ourense; porque ía ser o 1 de maio, logo na pretempada e finalmente o día 20; porque foi un martes ás 20.45 horas; porque era un día laborable; porque debería ser en Compostela (por sentido común); porque é unha vergonza que a Televisión de Galicia non retransmita a Copa de Galiza; porque...que coño hai que retransmitir daquela?; porque as afeccións merecen máis respecto; porque a cara de concentración de Manuel Pablo dio todo; porque o fútbol é da xente; porque os xogadores non lle dan importancia a un derbi; porque un derbi é un derbi (hostia!); porque os clubs de Terceira protestaron; porque o trofeo parecía comprado na tenda da esquina; porque hai quen non sabía nin cantos xogadores se podían cambiar; porque é oficial para quen a gaña e unha pachanga para quen perde; porque o lóxico sería que fora na pretempada; porque en dúas edicións cambiou de nome dúas veces; porque hai quen xa insinúa con non xogala; porque calquera o organizaría mellor; porque a Copa da Costa é moito máis interesante; porque esta organización non merece o nome que leva... E un cento de razóns máis para mellorar a Copa Galiza. Por que non se fan as cousas como é debido?

19.5.08

Paciencia

Hai xa varios meses, un ex adestrador de Primeira advertíame: “Baixarán a Segunda tres dos equipos que cambiaron de adestrador”. O Levante, á marxe dos seus múltiples problemas, tivo tres técnicos durante a tempada; o Murcia, dous, e o Zaragoza, catro. Tiña razón. A paciencia, moitas veces, é moi boa conselleira e o Deportivo demostrouno. Quen non cría que o mellor era botar a Lotina despois de perder en Almería? Lendoiro aguantou, a afección tamén, Lotina rectificou e os xogadores reaccionaron a tempo. Agora, todos son louvanzas para o técnico vasco, un tipo ao que, por certo, dá gusto oílo falar
E que sería do Celta se non botara a Fernando Vázquez hai ano e medio? Que sería do Zaragoza se non prescindira de Víctor Fernández? Paciencia, 'la madre de la ciencia'.

12.5.08

Rijkaard si

Guardiola é o elixido. Un dos meirandes símbolos do mítico Dream Team será o encargado de devolver ao Barça a grandeza que perdeu nestas dúas últimas tempadas, nas que a súa desidia regaloulle títulos a un Madrid que tirou de casta con Capello e ao que non se lle viu nada daquela “excelencia” que prometera Ramón Calderón con Schuster. Os merengues foron os mellores, sen discusión. Pero ninguén lembrará este equipo polo seu bo xogo.
O caso é que Rijkaard marcha e a única explicación que lle encontro é que quizais sexa demasiado brando. Nesta Liga calquera enche a boca louvando a estrutura dos equipos ingleses, que manteñen un estilo e os seus adestradores malia non conseguir resultados. Ferguson ou Wenger son claros exemplos. O técnico holandés foi tamén un exemplo. De educación, de saber estar, de elegancia. Nunca levantou a voz e, con el á fronte, o Barça fixo o mellor fútbol que eu recordo en moito tempo, o único comparable ao que implantara o seu compatriota Cruyff. Pero marcha. Con Gaspart, os culés estiveran cinco anos sen gañar títulos, pero Frank marcha tras gañar dúas Ligas e unha Copa de Europa. Ronaldinho continúa de festa e Eto'o máis pendente de protestar por todo que de xogar (ou de non xogar para non ser humillado, que é peor aínda). Pero é Rijkaard quen marcha. Ante o Mallorca, moitos culés demostraron con asubíos quen son para eles os culpables. Os aplausos foron para o holandés que, ademais da súa aposta futbolística, deixa moitas outras cousas que outros deberían aprender. Visto a Quique Flores, Caparrós, Schuster, Koeman e algúns máis, vai resultar que é mellor ser chulo... E tamén parecelo. Good luck, Frank!