23.10.08

Puxa...


Chega o Sporting á Coruña. Tras dez anos de espera, o conxunto asturiano recupera o seu sitio natural. Por afección, por tradición, por canteira, por xustiza... Chega un club de Primeira.
Crecín alucinando co Dream Team de Cruyff, amando e presumindo das cores do meu equipo e admirando outras, entre elas, as do Sporting. Influíu que meu pai lembrara as habilidades de Quini, tamén aqueles partidos dos yogurines de García Remón no Canal Plus ou o meu respecto cara aos clubs que coidan tan ben a canteira. Sempre imaxinaba que sería deste equipo se non se tivera que desfacer daquela de Luis Enrique, Abelardo, Manjarín, Juanele, Felipe, Iván... E logo de David Villa ou de Pablo Amo.
Pero o destino quixo ser máis insistente aínda. O instituto regaloume un compañeiro incansable no seu orgullo sportinguista, a Facultade un amigo inseparable, asturiano e, como non, sportinguista; e Barcelona, un encanto de Granollers, con sangue astur e corazón vermello e branco. Que en Londres compartira festas cun coruñés de familia asturiana e alma no Molinón non podía ser máis que unha confirmación. Todos eles axudaron a que este equipo se convertera en algo máis que admirado e a que me interesara todos os domingos polos seus resultados. Todos eles, e toda esa afección que esta fin de semana encherá A Coruña de sidrina e a auténtica esencia deste maldito deporte. E aínda que eu non poda gozar da festa que algúns (os de sempre) pode que intenten estragar, Xixón xa espera en marzo.
PUXA SPORTING... E FORZA DÉPOR!!!

No hay comentarios: