26.2.08

God save the Kid


Tres goles máis e van 21. Fernando Torres, o outro triunfador español na Premier, insiste en calar bocas no Liverpool. O seu último hat trick debería ser o definitivo que remate coas críticas daqueles que insisten en que é un dianteiro sen gol, que erra demasiado ou que non vale para un grande. Eran estes os mesmos que, ben seguro, o subiron aos altares cando debutou con tan só 17 anos no Atlético. É costume en España esaxerar as louvanzas cando as cousas van ben e tamén as críticas cando non todo sae como debera. O caso é que os datos tampouco daban a razón aos críticos que insistían en minimizar as cualidades de Torres. Na súa primeira tempada en Primeira anotou 13 goles, un menos que un tal Eto’o no Mallorca. Na segunda chegou a 19, dous máis que o camerunés, que non foi quen de superar a barreira dos 20 ata que chegou ao Barça. Porque as oportunidades eran escasas e porque non é o mesmo recibir os pases de Messi, Ronaldinho, Deco ou Iniesta que esperar unha asistencia de Nagore, De los Santos, Emerson ou Musampa. Aínda así, El Niño, capitán do Atleti sendo un rapaz, promediou 15 goles por ano nun equipo que fracasou e fracasa. Nun fútbol ideal para el e sen a presión do pasado, Torres, fillo e neto de galegos, vai camiño de facer historia. Aínda así, non faltará quen diga que, sen el, o Atleti vai mellor... ¿Ou xa non?

*Para Alfredinho e para os que nunca nos rendemos na nosa teima.
Tamén en LV